8Marzo: Manifestación nacional ‘Feminismo para avanzar’

8 de marzo: vémonos na manifestación nacional do feminismo galego que partirá ás 12h da estación de ferrocarrís de Compostela!

Estamos diante dun novo 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, xa van uns cantos desde que no 1910 Clara Zetkin propuxera a conmemoración desta data, mais non como unha celebración, se non como unha data de reivindicación e loita feminista. É por iso que as mozas galegas debemos pararnos nos retrocesos dos nosos dereitos nestes últimos anos. As políticas chamadas “anticrise”, non son máis que o eufemismo que o Partido Popular utiliza para agochar a realidade do ataque ás mulleres, políticas antisociais que atentan contra os dereitos recoñecidos da clase traballadora e que moitas outras compañeiras xa conseguiron antes.

O paro feminino na Galiza vai en aumento neste ano 2015, en contra dos datos que da o noso presidente da Xunta. Só o ano pasado, víronse na obriga de marchar 13.600 mozas dadas as condicións de emprego que se nos ofrecen aqui: Desigualdade salarial e nas prestacións, maior nivel de contratación precario e a tempo parcial, maiores dificultades en atoparmos o primeiro emprego e tamén para conseguirmos outro traballo..

Alén disto, e no contexto no que se desenvolve este 8 de marzo, é imprescindíbel falarmos dos retrocesos en dereitos tan básicos como os sexuais e reprodutivos. Pero que tamén representou unha vitoria máis para o feminismo hai uns meses ao botar abaixo a reforma integral, mais seguimos en alerta pola reforma que afectaría as mozas de 16 e 17 anos ás que se lle solicita un permiso materno/paterno para a práctica do aborto.

Con esta reforma, pretenden arrebatarlle a capacidade de decisión sobre os seus corpos, pois hai moitas mozas que non poden conseguir este consentimento para poder abortar, e moito menos estar acompañadas dalgún dos seus proxenitores, ou simplemente non desexan comunicarllo, pois entenden que só elas poden decidir sobre o seu corpo.
É por iso, polo que Galiza Nova chama a todas as mozas galegas a participar desta data de rebeldía e insubmisión para loitarmos contra calquera intento de facernos retroceder. Convirtamos as rúas de Compostela este domingo nunha marea lila!

Insubmisas e rebeldes! En nós non manda ninguén!