Que está a acontecer no sector lácteo galego?

leite– Das arredor de 10.000 explotacións lácteas que actualmente están en activo na Galiza, a máis de 3.000 a industria estálles a pagar o litro de leite por baixo dos 26 céntimos, cando para cubrir os custos de produción debería estar nos 36 céntimos/litro (segundo datos do propio Ministerio).

– Actualmente na Galiza as explotacións leiteiras están a cobrar os prezos en orixe máis baixos de toda Europa, todo isto malia estar o noso país entre as 10 primeiras potencias produtoras de leite da Unión Europea.

– O sector lácteo galego é a columna vertebral da economía da inmensa maioría das comarcas rurais galegas.

Medidas urxentes para paliar esta situación. Aquí tes as principais alternativas expostas pola Federación Rural Galega e o BNG:

– Garantía da recollida da totalidade do leite das explotacións galegas a prezos que cubran os custes de produción e fagan rendíbeis e garantan o futuro das explotacións leiteiras.

– Creación dun marco de contratos que garantan ás explotacións leiteiras capacidade real de negociación coas industrias.

– Creación dun instrumento interprofesional propio, GALEGO, no que se negocien as relacións entre produtores, industria e distribución.

– Posta en marcha das medidas necesarias para favorecer a xeración de valor engadido do leite na Galiza a través da súa transformación en produtos derivados (iogures, queixos, nata, leite en po, produtos de repostería…). Hai moitas empresas de fóra que recollen leite galego a baixo custo para levalo aos seus países e alí transformalo en produtos moi valiosos. Por tanto, toda a riqueza xerada coa materia prima do leite galego vai para fóra da Galiza.

Que suporía para a mocidade galega ter un sector lácteo galego do que poder vivir dignamente?

– Cun sector lácteo galego forte, no que as nosas gandeiras e gandeiros cobrasen xusta e dignamente polo seu traballo, favoreceríase a incorporación de mozas e mozos ás explotacións gandeiras, contribuíndo a frear a emigración xuvenil e que axudaría, tamén, a frear o envellecemento do rural, outro dos máis graves problemas que Galiza padece.

Feijóo, o traidor da Galiza:

– O goberno galego fai deixadez de funcións aliándose co Estado español para agochar a orella diante da Unión Europea e a industria láctea, desprezando, así as gandeiras e gandeiros.

– Pódese afirmar que o sector lácteo galego leva en crise, coma quen di, toda a vida. Porque o Estado español non acada un acordo con todos os entes implicados na cadea do leite (produtores, industria e distribución) que poña fin dunha vez por todas a esta situación de crise? Basicamente por unha cuestión meramente política: as gandeiras e gandeiros galegos non importan en Madrid.

Soberanía nacional para un rural vivo e produtivo!

– Unha vez máis constátase a necesidade urxente de dotarnos de soberanía nacional, como o nacionalismo galego ven defendendo dende o seu nacemento.

– Soberanía para defender ás e aos nosos labregos fronte ás agresións do Estado español e da Unión Europea.

– Soberanía para frear a desfeita programada á que abocan á Galiza desde o Estado Español, a Unión Europea e coa complicidade do goberno do PP na Xunta.

– Soberanía para que as mozas e mozos non teñan que seguir a marchar do País e poidan atopar no rural galego un medio de vida digno, moderno e rendíbel que preserve o medio ambiente e ás persoas.

Por todo isto, desde Galiza Nova apoiamos a loita que as gandeiras e gandeiros da nosa nación están a realizar desde a Plataforma pola defensa do sector lácteo galego. Así, chamamos á mocidade galega a apoiar e participar das vindeiras mobilizacións convocadas na defensa do sector lácteo galego:

3 de setembro en Lugo e o 7 de setembro en Compostela.