A saúde mental e o emprego

O traballo non é só un compoñente do proceso de produción, senón tamén, o sostén do conxunto da estrutura social. Os efectos das condicións laborais non limitan só ao traballo, porque del dependen os modos de socialización e as formas de integración social. Sen embargo, a precarización do emprego, ó fraxilizar a relación salarial, pon de manifesto a centralidade da cuestión social no benestar da saúde mental.


Como indica o estudo “La precariedad laboral y su impacto sobre la salud. Un estudio en trabajadores asalariados en España” feito polo Departament de Ciències Experimentals i de la Salut da Universitat Pompeu Fabra, a cuestión social, entendida en termos de exclusión, non afecta só a quenes quedan fóra do mercado laboral, senón a todos aqueles que aínda traballando, fano baixo condicións inestábeis, de
arbitrariedade patronal, con baixos salarios, en traballos pobres, etc.


A precariedade laboral na xuventude galega supón un forte handicap no avance salarial que forza ós mozos e mozas a ter que aceptar peores condicións ó longo de toda a súa vida laboral. Isto imposibilita á mocidade construír un proxecto de desenvolvemento persoal situandoa nunha posición de exclusión social que provoca un estrés que se ven a sumar como un máis entre os factores psicosociais que erosiona a saúde mental das traballadoras. Ademais, a precariedade laboral aumenta as exixencias de produtividade e a presión sobre as persoas que se atopan nesta situación, e neste sentido pode supor un risco para a saúde.