“Somos a xeración do Nunca Máis, a que viu como dende Madrid humillaban ao noso pobo”

Conversamos co Rubén Arroxo, candidato do BNG Asembleas Abertas á alcaldía de Lugo

“Somos a xeración do Nunca Máis, a que viu como dende Madrid humillaban ao noso pobo, aprendendo xa na adolescencia a necesidade de converter a indignación en loita”

 

Rubén Arroxo é atleta e adestrador, arquitecto técnico e responsábel de formación de Galiza Nova. Este mozo lucense nado en 1985 foi elixido pola asemblea de Lugo para encabezar a candidatura municipal do BNG – Asembleas Abertas. Conversamos con el sobre a situación da mocidade no concello e os retos do nacionalismo e a alternativa que defende.

-Por que decidiches presentarte como candidato á alcaldía de Lugo?

-O BNG iniciou un proceso de asembleas abertas, que no caso concreto de Lugo contou cunha moi boa participación. Co avance deste proceso comezou a saír o meu nome. Recoñezo que ao principio foi unha decisión difícil, é obvio que isto leva consigo un cambio importante de vida e unha altísima responsabilidade, mais non podo quitarme da mente o ataque que está a sufrir a nosa xeración, esa á que insisten en chamar a xeración máis preparada da historia, mais que non deixamos de ser a xeración máis estafada da historia. As mozas e mozos de hoxe padecemos a precariedade, o desemprego e a emigración. Emigración que se converteu xa nun auténtico drama. A este paso, aquí non vai quedar nada, e aí é cando es consciente de que nos toca dar o paso adiante e tomar responsabilidades, non podemos agardar máis!

-A pesar de seres un rapaz novo, levas moitos anos dando a batalla nos conflitos sociais. Como comezaches a involucrarte no activismo?

-Lembro que as primeiras loitas nas que participei, con 15 anos e con moi pouca información, foron contra a LOU, mais cando realmente collín conciencia foi estando no instituto co afundimento do Prestige. O impacto de ver as praias cheas de chapapote, acompañado das continuas manipulacións e das xestións desastrosas que nos traian dende Madrid, fixéronme comprender esa frase que xa oíra antes de Castelao de “non virá de fora remedio ou esperanza” e de aí aprender a importancia do activismo social. Gústame dicir que xa dende antes de ser a xeración máis estafada da historia, somos a xeración do Nunca Máis, a que viu como desde Madrid humillaban ao noso pobo, e que aprendemos xa na adolescencia a necesidade de converter a indignación en loita.

-Que necesidades ten a mocidade de Lugo?

-Lugo é un concello moi ligado ao rural, e cunha industria pequena. As políticas levadas nos últimos anos foron na liña de destruír a capacidade de producir dos nosos sectores produtivos, iso encadea tamén unha destrución xeral de emprego. A mocidade de Lugo pensa en emigrar xa dende moi curta idade, temos que acabar con iso, e ten que ser a nosa grande prioridade. Temos un concello riquísimo en recursos, só é cuestión de ter vontade. A creación de emprego digno ten que ser o eixo do noso programa en materia de mocidade, só a partir de aí será posíbel avanzar no resto.

ru1

-Como entendes a política municipal?

-A política municipal ten unha característica principal, que é que se desenvolve dende a institución máis achegada ás persoas. E moito o traballo que podemos facer, e o BNG así o ten amosado onde goberna, que sen lugar a dúbida e obxectivamente falando, son os mellores concellos do país en canto á súa xestión. Lugo pode avanzar primeiramente moito na creación de emprego, a municipalización de servizos, ampliación destes, fomento do noso valioso patrimonio histórico, aposta pola capacidade da zona rural… Atender aos servizos sociais e máis nunha situación coma a actual, acompañando isto duns impostos progresivos, onde pague máis quen máis ten. É preciso tamén crear unha cidade para as persoas, con máis zonas peonís e cunha aposta seria pola bicicleta e un transporte público útil. Tamén é imprescindíbel, e así nolo pide a xente, darlle transparencia ao concello, cousa que agora mesmo non está a acontecer, como ben sabemos. E moito o que se pode traballar no concello, e dende logo o proxecto do BNG é a única alternativa ás outras dúas opcións prehistóricas.

-Porque BNG-Asembleas Abertas?

Principalmente porque falar de BNG e falar de coherencia e así o levamos anos amosando. Nós no noso currículo teremos erros, evidentemente ninguén chegou á perfección, mais sería inxusto non visualizar que o BNG foi a única organización que sempre, sempre, sempre, gobernou para o pobo. Agora neste proceso, o nome da candidatura é BNG-Asembleas Abertas, e paréceme unha decisión acertada, xa que foron moitas as persoas non-militantes que participaron neste proceso, e así aparecen tamén representadas nas listas, en concreto na de Lugo 3 das 8 persoas do primeiro tramo que temos aprobado son persoas simpatizantes.