Día da Visibilidade Lésbica

Neste Día da Visibilidade Lésbica, desde Galiza Nova sumámonos novamente á reivindicación que supón esta data. Consideramos que segue sendo moi necesaria, dada a invisibilización que sofren as mulleres lesbianas en todos os ámbitos. Queremos seguir sumando voces á loita polas liberdades sexuais e a superación de estereotipos que rodea a todas aquelas que non encaixamos no modelo heteropatriarcal.

Cómpre lembrar, que as mulleres lesbianas galegas sofremos unha cuádruple discriminación. Por ser mulleres no marco dunha sociedade patriarcal, por ser traballadoras nun sistema capitalista que oprime á clase traballadora, por vivir nunha nación asoballada como é Galiza, e polo feito de ter unha sexualidade non axustada á norma establecida. Desde o sistema, en moitas ocasións preténdese desligar as diferentes loitas coma se non nos atinxisen a todas por igual, atomizarnos e facer as nosas reivindicacións indidiviuais, coma se non fosen chave para o todo o colectivo. Por iso tamén alzamos a voz polos dereitos das mulleres lésbicas migrantes e racializadas, das que teñen algunha diversidade funcional, das mulleres trans. Xuntas multiplicamos forzas para derrubar o cisheteropatriarcado.

Dende a Asemblea LGTBI de Galiza Nova avogamos por un modelo de familia e de relacións entre as persoas que supere os prexuízos e as categorías que fomenta o sistema opresor no que vivimos. Amosamos o noso compromiso de loitar por unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidaria na que ningunha persoa sexa excluída ou discriminada pola súa sexualidade ou identidade de xénero. Por iso, reivindicamos a soberanía dos corpos e tamén unha sexualidade libre, segura e gozosa.

NESTE 26 DE ABRIL, CONSTRUÍNDO O NOSO ORGULLO!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *