Nin LOMCE nin ABAU

No día de onte comezaron as probas da ABAU na Galiza. Por segundo ano as estudantes de 2º de Bacharelato tiveron que enfrontarse a esta proba, que foi incluída no sistema educativo como substituta das reválidas, que foron tumbadas grazas á mobilización do estudantado. Porén, a maior parte da LOMCE segue vixente e en aplicación, e parte desta lei é a ABAU, unha proba que a diferenza da súa predecesora, a PAU, avalía os dous cursos do Bacharelato, facendo aínda máis difícil o acceso á universidade do estudantado galego.

É, polo tanto, outra forma máis de demostrar que o sistema educativo español só busca a memorización, e contradí por completo a avaliación contínua e as aprendizaxes que non teñan que ver coa memoria. Ao mesmo tempo, igual que toda a LOMCE, busca clasificar e encadrar as estudantes con criterios de validez, impedíndolle así a estudantes con determinadas dificultades en aspectos concretos poder estudar o que de verdade queiran, ou mesmo dirixíndoas ao ensino privado, algo que só determinadas capas da sociedade poden permitirse.

Cabe sinalar ademais, a nula relación do temario que se estuda para esta proba co noso país. Unicamente a asignatura de lingua galega está realizada dende unha óptica galega, posto que nas demais, o marco referencial é en todo momento o estado español, dando mostra da centralización que procura a LOMCE no noso ensino, da cal mesmo o ministro Wert durante o seu debate afirmou que era para “españolizar a los estudiantes”.

Dende Galiza Nova denunciamos este tipo de probas, que son o reflexo dun ensino pensado polas elites españolas en chave de rendemento empresarial e totalmente uniformizador das estudantes de todo o estado, buscando eliminar as particularidades das nacións sen estado coma Galiza. Apostamos por outro modelo de ensino, no que o importante non sexa memorizar para un exame senón as aprendizaxes adquiridas durante o proceso, e que non busque impor trabas para o acceso ao ensino superior, senón que este sexa libre; conscientes de que este modelo só será posíbel no marco dunha Lei Galega de Educación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *