NO XOGO: NIN MACHISMO NIN LGTBIFOBIA!
RACHA COS ESTEREOTIPOS!
A infancia é o momento no que se produce a primeira socializacion, onde se desenvolven as habilidades cognitivas e, en xeral, onde se acollen aprendizaxes que en gran medida marcarán o resto da vida. É por isto polo que os xoguetes e xogos teñen un papel moi importante na estimulación da reprodución de roles e comportamentos, así como tamén inflúen na maneira de relacionarse.
Desde a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova condenamos que se promova sexismo en forma de agasallo e que se fomenten roles de xénero. Tampouco toleramos que se castigue dun xeito ou doutro a quen é capaz de saír e encararse a ditos roles, como se fai con actitudes como a plumofobia, a homofobia etc, cara as crianzas que non xogan co que está socialmente estipulado para elas.
Os xoguetes non teñen xénero: nin o rosa é só para nenas, nin o azul é só para nenos; nin os xoguetes de aventuras son exclusivos para nenos, nin os de coidados e traballo doméstico exclusivos para nenas, por moito que na publicidade nos queiran impoñer esa dualidade machista e binarista.
Precisamos igualdade no xogo, non agasalles sexismo!