O acceso á vivenda: un dereito que nos negan

Cando falamos do acceso a unha vivenda digna non estamos falando dun capricho. Cando falamos do acceso a unha vivenda digna falamos dun dereito fundamental recoñecido sobre o papel polo Estado español, así como os organismos internacionais, que debería ser garantido pola administración pública e que, día si, día tamén, vemos como nos é deliberadamente negado. Cando falamos do acceso a unha vivenda digna estamos falando dun piar fundamental para a nosa emancipación, para a nosa independencia e para a nosa autonomía, falamos en definitiva da posibilidade de comezar a desenvolver as nosas vidas.

Son varios os informes, das máis diversas procedencias (Banco de España, INE, IGE, entidades sociais, etc.) que evidencian a dificultade do acceso á vivenda que temos a mocidade galega a día de hoxe. Nunha situación de precariedade laboral e temporalidade, cun deficiente sistema de distribución da renda, déixase en evidencia a existencia de problemas sistémicos que afectan a unha xeración vulnerábel e vulnerada.

Nos últimos anos vimos observando a aparición e consolidación dun proceso de xentrificación nas grandes cidades e vilas turísticas, que ligado á proliferación masiva de alugueiros vacacionais, fan que a oferta de vivendas en réxime de aluguer non turístico ou venda caia de xeito considerábel e que os prezos dos alugueiros aumenten até cotas completamente inaccesíbeis para a mocidade galega. Cal é, entón, o resultado? A mocidade galega, se queremos independizarnos, gastamos case un 60% do soldo en poder facelo. Na Galiza existen actualmente ao redor de 330.000 vivendas baleiras, na súa maioría propiedade de entidades bancarias. Isto acontece mentres atopar unha vivenda en alugueiro é unha tarefa moi complicada para a mocidade e para o pobo galego no seu conxunto.

Precisamos que o acceso á vivenda sexa unha realidade para a mocidade galega e para o conxunto da sociedade do noso país. Precisamos despregar iniciativas que poñan fin á especulación e que penalicen a posesión de vivendas baleiras; iniciativas que garantan o acceso a unha vivenda digna a un prezo non desorbitado tanto nas zonas rurais como urbanas. Precisamos unha mudanza nas políticas do noso país que sitúe ás clases populares galegas no centro e que defenda os intereses das maiorías sociais e non os das grandes propietarias, entidades bancarias e grandes empresas.

Dende Galiza Nova defendemos políticas estruturais que garantan este dereito fundamental: políticas como a creación dun banco galego de vivenda que xestione a vivenda baleira do noso país, a creación dunha bolsa de vivenda pública que garanta o acceso á vivenda en réxime de alugueiro ás estudantes doutras localidades ou a constitución do fondo social de vivenda como instrumento financeiro público ao servizo do desenvolvemento de políticas de vivenda.

Fronte a un goberno que actúa sempre en beneficio das grandes empresas e propietarias, é preciso saírmos ás rúas para exixir os nosos dereitos. Para frear a suba desorbitada dos prezos, para frear a nosa perda de poder adquisitivo, para que se deixe de facer negocio co noso dereito a acceder a unha vivenda digna e para garantir que se implanten as políticas alternativas necesarias para conseguir un cambio debemos saír ás rúas. Por iso nos mobilizaremos o vindeiro 18 de decembro na manifestación nacional en Compostela, porque debemos actuar agora para defender a nosa vida!