Iria Carreira, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova e médica residente

“Pola sanidade pública!” Artigo de Iria Carreira

 

Iria Carreira, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova e médica residente

Nos últimos anos estamos asistindo á maior degradación da sanidade pública. Ao igual que aconteceu noutros servizos públicos, tras o inicio da crise económica do 2008, comezou o desmantelamento e os recortes no sector sanitario. Quizais a mostra máis evidente disto foi a medida que aprobaba o repagamento farmacéutico: subir o prezo de venta dos medicamentos que xa estaban subvencionados a través dos impostos. Máis non foi a única medida, e as consecuencias son tanxibles a día de hoxe. Unhas listas de espera inasumibles, unha sobrecarga laboral dos profesionais, unha depauperación constante na atención sanitaria. E que se agocha detrás disto? Peches de camas nos hospitais, ausencia de contratación de profesionais sanitarios, falta de materiais e medios técnicos,… Son múltiples as vías polas cales Feijóo e os seus gobernos atacaron á sanidade pública.

Todo isto conduce a algo que xa analizamos noutros contextos: o mantemento das elites a costo da degradación da vida das clases populares. Do mesmo xeito que acontece no ensino, na sanidade estamos asistindo a estes innumerábeis recortes que buscan o crecemento das clínicas de sanidade privada e dos seguros médicos privados. Sabemos ben que ante unha falta de resposta do sistema público, as pacientes rematan por acudir a estas clínicas privadas para poder poñer remedio ás súas patoloxías. Atopámonos ante un poder económico que busca ampliar os seus beneficios privados gañando máis cota de mercado; e cuns poderes políticos totalmente servís, que non dubidan en degradar e empobrecer o ensino público, o sistema público de pensións ou a sanidade.  

E ante todo isto temos a un pobo en pé de loita, que non  dubida en erguerse para defender o seu. Mostra disto son as manifestacións que se convocan por todo o País, desde a multitudinaria de Vigo que houbo en decembro, á que hoxe percorrerá as rúas de Compostela. Os profesionais tamén estamos en loita, con varias folgas activas no momento actual e  após de teren presentado a dimisión unha vintena de xefes de servizo de Atención Primaria.


Estamos ante a última, que non derradeira, constatación da toxicidade do capitalismo, o sistema económico no que vivimos, unha máquina incansábel que está disposta a tronzar todo aquilo que precisa para poder sacar beneficio. Unha máquina que non para aínda que o que estea en xogo sexa a vida das persoas. Por iso precisamos máis que nunca saír ás rúas, porque precisamos unha sanidade pública, universal e gratuíta cando o que está en xogo son as nosas propias vidas.