Galiza Nova organiza o “Seminario de Estudos Galegos 2.0” cando se compren 100 anos do orixinal.
Marta Gómez, Secretaria Xeral: “Un espazo aberto e cómodo para o debate, para o convivio e para poder contrastar as nosas ideas, buscando cambios para mellorar o noso futuro”
Élia Lago, Responsable de Lingua e Cultura: “Acreditamos na organización para a dinamización da nosa lingua e o traslado do noso proxecto, é o que buscamos con esta homenaxe”
Galiza, 4 de outubro de 2023.- A organización xuvenil do BNG presentou este mércores o “Seminario de Estudos Galegos 2.0”, unha actividade coa que pretenden homenaxear os 100 anos que neste 2023 compre o seminario orixinal.
O acto terá lugar o vindeiro 12 de outubro, data do centenario, no Auditorio José Raído ‘Patelas’ en Cuntis e consistirá nunhaxornada de mañá na que emularán o seminario da época pero adaptándoo á mocidade galega da actualidade. Tal e como sinala Élia Lago, responsábel de Lingua e Cultura da organización, “en Galiza Nova acreditamos no potencial que ten a organización para a dinamización da nosa lingua e da nosa cultura, organizamos esta homenaxe coa intención de poñer en valor o noso idioma, a nosa cultura e o tecido asociativo xuvenil que hai no noso país”.
A xornada comezará ás 11 da mañá con mesas redondas nas que participarán os proxectos Mazarelos, Memoria e Cinema, Cantam808, A Colectiva e Clara Corbelhe, elaborando unha conversa na que o público tamén teña participación e se reflexione colectivamente sobre o pasado, o presente e o futuro destes proxectos. Unha vez concluídas as mesas redondas, o acto rematará cun concerto a cargo do grupo Filloas e cun xantar – ao que están convidadas todas as asistentes – que estará amenizado pola artista DjMisa.
“Queremos que haxa espazo para a formación e para o debate, que se visibilice que a mocidade a día de hoxe tamén se organiza,crea proxectos e busca cambios para mellorar o seu futuro” sinalou pola súa banda Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova “mais tamén que sexa un espazo para o convivio e con oco para o lecer, creando un espazo aberto e cómodo no que poder contrastar as nosas ideas”, engadiu.
Está previsto que a xornada remate ás catro da tarde, hora na que rematarán os concertos planificados e será un evento gratuíto para o que non é necesario facer unha inscrición previa. “A nosa vontade é que se achegue a xente que queira, para coñecer máis en profundidade os proxectos que participan e tamén para dar a coñecer Galiza Nova como a alternativa de futuro para a mocidade galega” sinalou Lago.