Somos as que loitan por un país sen violencia!

A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova presentou a súa campaña do 25N, día Internacional contra as violencias machistas, baixo o lema “Somos as que loitan por un país sen violencia”. A súa responsábel nacional, Nerea Cazás, enviou un escrito ao presidente da Xunta de Galiza co fin de que se cumpra a lei de violencia de xénero aprobada en 2007.

“Coa campaña deste ano quixemos deixar atrás as imaxes que constantemente nos chegaban de mulleres golpeadas e buscamos darlle unha visión moito máis combativa a unha data na que sempre rematábamos relegadas ao papel de vítimas” comentou a Responsábel Nacional. da Mulleres de Galiza Nova, Nerea Cazás. Asemade, enviou dende a oficina de Correos unha carta ao presidente da Xunta de Galiza esixindo que se cumpra a lei contra a violencia machista, aprobada na cámara galega hai doce anos, debido aos recortes levados a cabo polo
goberno do Partido Popular.

Segundo sinalou Nerea Cazás, o contexto actual “é alarmante” debido ao aumento do 28,4% das denuncias por violencia machista. A isto súmanselle os seis feminicidios acontecidos en Galiza no que vai de ano. Ademais da carta enviada a Feijóo, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova decidiu aproveitar o contexto estatal para enviar unha carta ao presidente en funcións, Pedro Sánchez, con medidas que deben ser tomadas de urxencia a nivel galego, estatal e con vertente específica na mocidade.
“A día de hoxe as mulleres encontrámonos desprotexidas fronte a violencia machista e recortar en recursos dirixidos ás mulleres vítimas de violencia non só perpetúa a violencia machista senón que é violencia en si mesmo” sentenciou Cazás. “Somos as que loitan por un país sen violencia”

Para alén deste acto, Galiza Nova instará na súa campaña a lembrar que a violencia machista “non é só aquela que se manifesta a través das súas expresión máis aparentemente terribles como os feminicidios ou a violencia física”, senón tamén aqueloutra de “carácter laboral, familiar ou institucional”.

Perante os alarmantes datos de denuncias por violencia machista e o continuo retroceso nos dereitos das mulleres co auxe da extrema dereita no estado español, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova fai fincapé na necesidade “non só de tecer redes de coidades senón tamén de
dotarnos de ferramentas para garantir a nosa supervivencia: a autodefensa perante a violencia machista é completamente lexítima
, sendo a organización e a mobilización dúas destas formas de autodefensa”. Ademais, animan a toda á mocidade e sociedade en xeral a asistir ás mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e o movemento feminista galego nas vilas e cidades do país este 25 de Novembro.