Na defensa do noso monte: LUMES NUNCA MÁIS

Na última semana vimos como a pesar de estar xa en outubro este ano a tempada de lumes nos nosos montes prolóngase aínda máis do habitual. Isto vén dado por dúas razóns: a forte seca e a falta de choiva dos últimos meses, algo que non é posíbel controlar, e sobre todo a falla de políticas de prevención por parte da Xunta de Galiza.

Nos últimos días vimos como ardía a Serra do Xurés, un espazo natural protexido e neste momento a cidade de Vigo e gran parte da comarca atópase cuberta por unha gran nube de fume. Nas últimas horas, declaráronse decenas de focos, e nestes intres os medios de comunicación apuntan á existencia de 25 focos activos, estando principalmente afectados os concellos de Redondela, Pazos De Borbén, Gondomar e Baiona. Isto obriga a efectuar desaloxos e cortar estradas, nalgúns casos deixando poboacións illadas, sen poder escapar das lapas, ademais de que nalgúns lugares xa arderon casas e naves. E isto son só dous exemplos dunha das maiores vagas de lumes que sufriu o noso país no último tempo.

Non nos resignamos a sinalar como o principal culpábel o goberno incompetente da Xunta de Feijóo. Dende a súa chegada ao poder, os efectivos e medios dispoñíbeis para loitar contra os lumes, foron recortados e diminuídos, e apostouse totalmente polo modelo de eucaliptización do monte, para o cal interesa eliminar a diversidade do mesmo, polo que son provocados estes incendios. Pola contra, estes días pódese ver publicidade institucional na TVG, na que a xunta anima ás galegas e galegos a “facerse cortalumes”. Pode haber algo máis cínico, señor Feijóo? Pretende substituír un corpo profesional de loita contra os incendios, con voluntarios, campañas simbólicas e anuncios de imaxe? Iso nunca llo imos perdoar.

#LumesNuncaMáis