Referendo simbólico en apoio da independencia de Catalunya


A menos de 48 horas da celebración do referendo de autodeterminación en Catalunya, no que o pobo catalán decidirá o seu futuro, dende Galiza Nova organizamos este venres 29 unha acción simultánea en 9 localidades de toda Galiza.

Tratarase dunha votación simbólica nas rúas principais destas localidades para amosar apoio á convocatoria de referendo de independencia deste domingo en Catalunya e ao mesmo tempo reivindicar os dereitos de Galiza como nación e o seu dereito á autodeterminación para mellorar a calidade de vida da mocidade e o pobo galego.

Ao mesmo tempo representa un acto de prostesta e de defensa das liberdades democráticas fronte a actitude ditatorial, violenta e antidemocrática coa que está actuando o estado español, aínda máis regresiva en canto aos dereitos democráticos do que nos ten acostumados o goberno.

A loita do pobo catalán cara a independencia é tamén a nosa loita, pois representa unha fenda no apodrecido sistema do estado español que nos condena ao desemprego e á precariedade laboral. Deste xeito, e continuando cos actos que xa realizamos nas últimas semanas reafirmamos o noso apoio ao referendo de Catalunya e reivindicamos o dereito de autodeterminación para Galiza para conquistar a nosa independencia.

Lugar e hora das votacións:

  • Pontevedra: Praza da Peregrina ás 18:00
  • Vigo: Praza da Constitución ás 18:00
  • Compostela: Praza Roxa ás 18:00
  • Moaña: Diante do IES As Barxas ás 14:15
  • Allariz: Praza Maior ás 18:00
  • A Coruña: Obelisco ás 19:30
  • Ribeira: Praza do Concello ás 19:00
  • Ferrol: Praza de Armas ás 18:00
  • Lugo: Praza Maior ás 18:00