Que está pasando en Ucraína?

No momento de escribirse este artigo, en todas as redes sociais e medios de comunicación atopamos un tema central que domina todo o debate público: a guerra na Ucraína. Asistimos a un fluxo sen fin de noticias, discusións, opinións e vídeos virais arredor deste conflito, presentándonos unha foto fixa aparentemente moi sinxela e que non acepta matices: un estado soberano democrático (a Ucraína) sendo agredido por unha potencia de vocación imperial (a Federación Rusa), nunha situación sen outra causa máis que as ansias expansionistas do presidente ruso Vladimir Putin.

Este relato, reforzado de forma reiterada e insistente tanto pola media española e galega como polos principais partidos políticos do estado (con contadas excepcións), resulta inútil á hora de intentar entender o que está sucedendo no leste de Europa; e non sen motivo, xa que a súa finalidade non é a de explicar senón, pola contra, inflamar a opinión pública de forma belicista e anular calquera tipo de discusión ou disensión. Dende unha posición nacionalista e de clase non podemos ter outra postura que non sexa a oposición á guerra, xa que sabemos ben que son as clases populares as que pagan coa súa vida os intereses da grande burguesía; mais é necesario afastarse da propaganda e contextualizar o sucedido dentro dun marco máis amplo, xa que só así poderemos extraer algunhas das claves que nos leven a entender este conflito.

1990: A fin da Guerra Fría

 

No ano 1990, no contexto da caída do Muro de Berlín e a reunificación entre a República Federal Alemá e a República Democrática Alemá, tiveron lugar unhas negociacións entre o Bloque Occidental (encabezado polos Estados Unidos) e o Bloque do Leste (liderado pola Unión Soviética) que abrían a porta á entrada da Alemaña reunificada na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Como contrapartida, a OTAN comprometeuse cos soviéticos a non expandir a súa área de influencia máis alá da Alemaña, deixando fóra ao resto de países do Bloque Oriental. Evidentemente esta garantía non se cumpriu: unha vez a URSS foi disolta, a OTAN continuou a súa expansión cara o leste e dende entón incorporou a outros 14 países, a maioría deles repúblicas ex-soviéticas ou que estaban no pacto de Varsovia, chegando ás fronteiras da que hoxe é a Federación Rusa.

A república da Ucraína, pola súa parte, mantivo aínda despois da disolución da URSS uns fortes vínculos económicos, culturais e políticos con Rusia (agora a Federación Rusa), facendo a economía de ambos países en grande medida interdependente e situando a Ucraína como un país de valor xeopolítico fundamental para o goberno ruso. Destaca especialmente neste aspecto a cuestión enerxética: Ucraína é a principal porta de entrada do gas ruso, do que a Unión Europea depende en grande medida, en contraposición ao combustíbel norteamericano, transportado por vía marítima pola industria do fraking e de orixe máis caro. Os lazos das nacións irmás non se limitan ao económico: a Ucraína é un país complexo internamente, onde o idioma ruso é o segundo idioma máis falado e o maioritario na metade leste do país, metade que presenta por razóns históricas unha maior afinidade e relación con Rusia; en oposición á metade oeste da república, politicamente máis orientada cara o mundo occidental e cunha identidade máis enfrontada coa do país veciño.

2014: Golpe de estado e Euromaidán

 

Entre o 2013 e o 2014, unha serie de manifestacións masivas sucedéronse na Ucraína como protesta contra o goberno de Kiev, encabezado por Viktor Yanukovych. Tal e como se explicaba na prensa na altura, as protestas estaban centradas principalmente na denuncia á corrupción gobernamental, mais por detrás o que se estaba preparando era un golpe de estado e un cambio de goberno por outro máis afín aos intereses occidentais; en grande medida como resposta á decisión de Yanukovych de frear un acordo de asociación coa Unión Europea, que achegaría a Ucraína á órbita europea e afastaríaa de Rusia. Estas protestas, que enseguida escalaron de forma violenta coa entrada en acción de grupos neonazis e de ultradereita e acabaron coa vida de máis dun cento de persoas, remataron nunha revolución de cores coñecida como Euromaidan, na que o goberno ucraíno foi deposto e estabeleceuse un novo goberno pro-occidental e ultranacionalista ucraíno encabezado por Petro Poroshenko. Este goberno promoverá un achegamento á UE e a OTAN, unha represión violenta da disidencia e en particular da esquerda política (destacando a ilegalización do Partido Comunista da Ucraína) e unha campaña de persecución das comunidades rusófonas no país, que acrecentarán as tensións internas e co goberno de Moscú. Ademais disto, milicias neonazis previamente mencionadas (nomeadamente o Batallón Azov) pasarán a integrarse nas forzas armadas do país, obtendo un gran poder e influencia á marxe das institucións parlamentarias.

Neste contexto tan complexo para a Ucraína sucederán dous acontecementos de grande importancia para entender os eventos de hoxe. Por un lado, a incorporación da península de Crimea á Federación Rusa, de poboación maioritariamente rusa e un punto estratéxico fundamental para os intereses de Moscú, xa que supoñía a súa principal vía de acceso ao Mar Negro. Por outra banda, a proclamación das repúblicas populares de Donetsk e Lugansk na rexión do Donbass, no leste da Ucraína, de maioría rusófona e que descoñecían a autoridade do novo goberno de Kiev. A anexión de Crimea supuxo o comezo dunha forte batería de sancións por parte dos países da OTAN cara Rusia, degradando as relacións internacionais entre ambos lados. Mentres tanto, no Donbass vivirase unha situación de verdadeira guerra civil, co exército ucraíno e as forzas das repúblicas populares de Donetsk e Lugansk loitando polo control do territorio. As repúblicas populares non serán oficialmente recoñecidas polo goberno ruso até o 2022, mais este último será frecuentemente acusado de proporcionarlles soporte material polo goberno de Kiev.

No 2015 asinaranse os acordos de Minsk na cidade homónima no Belarús, coa sinatura de Vladimir Putin, Petro Poroshenko, François Hollande e Angela Merkel, comprometéndose a deter o fogo bilateralmente no Donbass e reformar a Constitución ucraína para garantir a autonomía destes territorios. Estes acordos serán sistematicamente incumpridos con todo tipo de agresións, ataques e numerosos bombardeos, especialmente por parte das forzas do goberno ucraíno, e en particular unha grande actividade das milicias neonazis na zona. Nos 7 anos seguintes, estímase que perderon a vida arredor de 14000 persoas na rexión do Donbass debido a este conflito.

No ano 2019 gañará as eleccións na Ucraína o actual presidente Volodymyr Zelenskyy, nunha campaña na que prometerá a fin do conflito no Donbass e rematar coa persecución das minorías rusófonas, ambos obxectivos incompatíbeis coa presenza da ultradereita ucraína no exército e a necesidade desta de manter vivo o conflito para reforzarse e propagar a súa influencia.

2022: Explosión do conflito

 

O 22 de febreiro do 2022 Vladimir Putin, presidente da Federación Rusa, recoñece oficialmente a independencia das repúblicas populares de Donetsk e Lugansk e asina un tratado de colaboración e amizade con elas, nun contexto de enorme tensión fronteiriza entre Ucraína e Rusia. O órgano lexislativo ruso autoriza a intervención militar para garantir a independencia destas repúblicas, iniciándose pouco despois a chamada operación de “desmilitarización e desnazificación da Ucraína” en palabras do goberno ruso, que supuxo finalmente a entrada de tropas rusas en territorio ucraíno coa intención de tomar rapidamente as principais cidades do país. Os principais argumentos esgrimidos polo Kremlin son a ameaza dunha entrada da Ucraína na OTAN pola posibilidad de a converte nun punto estratéxico de araque para a organización, a actividade tolerada e integrada co estado de grupos neonazis no país, e a violación sistemática dos acordos de Minsk no Donbass, e esixe a maiores o recoñecemento de Crimea como unha parte integral da Federación Rusa. Como consecuencia, as sancións contra Rusia intensificáronse até niveis extremos, incluída a súa desconexión do sistema SWIFT polo que se realizan a maioría de transaccións electrónicas e a censura occidental de todos os medios de comunicación rusos.

Este sería o resumo do proceso histórico que levou até aquí, mais con isto non é suficiente. É importante entender que todas estas cuestións que afectan a vida diaria das habitantes da Ucraína, do Donbass e da Rusia non son as que motivan as decisións dos distintos gobernos, senón a pura e dura disputa polas áreas de influencia. Ucraína é só un campo de batalla máis para o capitalismo na súa fase imperialista: o que se xoga realmente nesta guerra é o control dos recursos, particularmente o gas, e a disputa económica entre a OTAN por un lado e Rusia polo outro, na que a Unión Europea se atopa no medio ao servizo dos primeiros en contra dos seus propios intereses. OTAN e Rusia que, non esquezamos, non son máis que distintas faccións ou tendencias enfrontadas por cuestións imperialistas, mais que responden a intereses de acumulación de capital, que en ningún momento está posto en cuestión. Por este motivo vemos contradicións como que mentres a economía rusa é atacada mediante sancións, o gas ruso segue comprándose; e é por isto polo que se presiona a Ucraína para achegala á OTAN e se lle ofrecen armas para que “resistan” nunha guerra sen vencedoras, sen ter a menor intención de facer realmente nada por evitar a guerra.

Nós, que somos nacionalistas e antiimperialistas, debemos manter sempre unha coherente praxe pacifista; mais cando falamos de pacifismo non podemos referirnos a un rexeitamento abstracto da violencia, ou a unha equidistancia cómplice entre opresoras e oprimidas: debemos entender o pacifismo como unha loita activa pola paz entre os pobos, e unha defensa inquebrantábel da soberanía nacional e do dereito de autodeterminación ante o imperialismo.