25N: Día Internacional contra a Violencia Machista

No noso día a día as mozas temos que convivir con moitas violencias nos diferentes eidos das nosas vidas: económicas, físicas, psicolóxicas, obstétricas, laborais, sexuais e incluídas na militancia… Recibimos todo tipo de violencias en maior ou menor medida nas nosas vidas cotiás. 

É por isto que as mozas de Galiza Nova decidimos neste 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia machista, baixar do global ao concreto, repensar, analizar e identificar as violencias que sufrimos en cada espazo das nosas vidas, acreditando na autoorganización das mulleres como a ferramenta definitiva para rachar co patriarcado que nos oprime e explota desde crianzas.

A nosa resposta como organización plural e diversa precisa ser cada día máis potente, masiva e popular rumbo á construción dunha alternativa ao capitalismo. Seguimos fortalecendo a autoorganización das mulleres e vemos o feminismo como unha ferramenta para combater o capital, impulsando formas máis democráticas e horizontais de construír poder popular.

Neste 25N, estaremos mobilizadas para denunciar as políticas da Xunta que marcan a realidade de moitas mulleres no noso País desde a útlima década. Denunciamos que as políticas neoliberais só se sustentan co traballo das mulleres, que amortece os efectos da redución dos salarios e do investimento público en dereitos e servizos. Tales políticas resultan en máis precarización da vida da clase traballadora, máis violencia contra as mulleres e aumento do fascismo. As mozas dicimos: rachamos co patriarcado!

Queremos reivindicar a necesidade de tercemos redes de coidado, soporte e debate nas nosas vidas fronte ás violencias que sufrimos e facelo desde a loita feminista. Achamos que entre todas seremos quen de construír alternativas para as nosas vidas, coas que defendernos de todas as violencias que nos atravesan por iso neste 25 de novembro queremos falar de sororidade, de espazos seguros e de organización fronte a todas as violencias das nosas vidas.

Organízate connosco!

Asemblea Nacional de Mulleres de Galiza Nova

 

Mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres