Actuar agora para defender a vida

Soben os prezos. Día a día observamos nas noticias o seu aumento. Gas, electricidade, combustíbeis, cesto da compra… Hai anos que o alugueiro está a uns prezos desorbitados. O emprego xerado é o de sempre: temporal, mal pagado e precario. Esta situación volveuse insostíbel.

O resultado é o noso día a día: pasan os anos e non temos posibilidade de formularnos que queremos. Que plan de vida buscamos? Conformámonos con sobrevivir, e seguir adiante, cun encaixe no sistema que nos ofrece o xusto para poder seguir adiante.

Os distintos gobernos do Partido Popular na Xunta e PSOE-UP no Estado ofrecen parches que non solucionan o problema estrutural. É necesario que a mocidade galega saiamos á rúa, nos mobilicemos e actuemos agora para defender a nosa vida:

  • Contra unha reforma laboral que foi unha estafa para a clase traballadora. Precisamos un traballo digno e os nosos dereitos laborais blindados para poder desenvolver o noso proxecto de vida.
  • Contra a falta de medios para desenvolver as nosas vidas. Independizarnos non pode supoñer o 60% dos nosos salarios. Precisamos ampliar xa a bolsa de vivenda pública e intervir o sector inmobiliario.
  • Contra a especulación nos productos básicos. Non se pode facer negocio co dereito á alimentación e hixiene. Precisamos intervir os prezos dos produtos de primeira necesidade.
  • Contra o modelo de ensino discriminatorio e privatizador. Precisamos máis que nunca un ensino público de calidade, con bolsas que garantan o acceso ao ensino para todas as persoas.

Vivir non é sobrevivir. Para frear a suba desorbitada dos prezos, para frear a nosa perda de poder adquisitivo mobilízate, sae á rúa e actúa agora para defender a vida!

Manifestación Nacional 18 de decembro, ás 12h na Alameda de Compostela!

Contacta con nós no 675419373!

Consulta AQUÍ os autobuses GRATUITOS para asistir.