No día de hoxe cúmprense 132 anos do nacemento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Nun único artigo sería imposíbel recoller todos os motivos polos que tén importancia para nós coma nacionalistas e para o conxunto do pobo galego.
A figura de Castelao representa un fito fundamental na historia da literatura galega e, ao tempo, constitúe peza clave tamén na concreción e evolución do nacionalismo galego da primeira metade do século XX. De tal xeito que a práctica artística –primeiro na súa faciana gráfica e moi logo literaria- foi camiño de experiencia e coñecemento para chegar a unha consciente entrega política de fondo compromiso co futuro do pobo galego e cos seus dereitos colectivos.
Castelao é a figura central da política galega do século XX. Dende a súa participación nas Irmandades da Fala e a Asemblea Nazonalista de Lugo, da que este ano se celebra o seu centenario, ata a fundación do Partido Galeguista en 1931, Castelao mostrou un compromiso inquebrantábel coa patria galega, aínda que na actualidade dende o sistema se nos intenta vender a Castelao coma un caricaturista ou escritor.
Durante o período da 2ª República Española, Castelao foi elixido deputado polo Partido Galeguista nas cortes do estado, nas cales defendeu a consecución da Autonomía para Galiza a través do seu estatuto, que só foi posíbel tramitar xa unha vez comezada a Guerra Civil e con importantes resistencias presentadas por todas as forzas políticas estatais.
Cabe salientar ademais a publicación do Sempre en Galiza, o ensaio que aínda na actualidade permanece vixente na análise que realiza da nosa nación e nas alternativas que presenta como nacionalismo. Nel, amósase a evolución que Castelao realiza, tras unhas primeiras posicións nas que non descartaba a posibilidade dunha “Federación Hespañola” como el a chamaba, á necesidade da loita pola soberanía da Galiza e a consecución da mesma a través da autoorganización do pobo galego.
No Sempre en Galiza afirma que o pobo galego deixará de loitar pola súa liberdade o día que a conquira, e nese sentido a mellor homenaxe que podemos facerlle coma mocidade nacionalista é continuar o seu traballo na loita pola liberación nacional e social da Galiza.