NON Á GUERRA!

Na madrugada do xoves 24 de febreiro, Rusia despregaba unha operación militar sobre Ucraína, escalando así o conflito en territorio ucraíno.  Un conflito que ten a súa orixe no 2014, co golpe de estado, baixo o nome de Euromaidan,  promovido polas forzas da extrema dereita ucraína, a OTAN, os EUA e a UE e que responde aos intereses económicos e imperialistas das grandes potencias mundiais e que provocou que varios territorios na Ucraína se declarasen en rebeldía.

Desde Galiza Nova manifestamos un alto e claro non á guerra. En Ucraína e en todos os recunchos do mundo. Sempre apostaremos por solucións pacíficas, diplomáticas e baseadas no diálogo, respectando a soberanía de todos os pobos do mundo e o seu dereito a decidir o seu futuro, desde o respecto internacional e desde a solidariedade internacionalista.

Así mesmo, criticamos o papel do Estado español que hai semanas enviou 700 militares á fronteira entre Rusia e Ucraína, sen consentimento do Congreso, avivando así o lume do conflito. Demandamos pois a neutralidade activa do goberno español e a inmediata retirada das tropas da zona, se o goberno español quere contribuír á resolución deste conflito debe facelo apoiando e reforzando a vía da diplomática coa súa participación na OTAN  e non aumentando a presión militar.

Por iso reclamamos a volta á vía diplomática como única forma de solución ao conflito, esixindo a fin dos movementos militares  no territorio ucraíno, o recoñecemento das Repúblicas de Lugansk e Donetsk, a retirada de todas as tropas despregadas e o seu regreso aos seus respectivos territorios.

É necesario un compromiso por parte das organizacións internacionais para garantir o diálogo e paralizar o conflito coa maior brevidade posible. Por isto, esiximos un compromiso real por parte da OTAN de limitar a súa expansión no leste europeo en xeral e de non incorporar a Ucraína na OTAN en particular como paso imprescindíbel para lograr unha solución estábel e durareira.

A mocidade nacionalista opoñémonos frontalmente a calquera acto de guerra tanto do terrirorio ucraíno como no resto de territorios do mundo e apostamos pola vía do diálogo para lograr unha solución en base ao respecto á paz e á soberanía dos pobos.

Desde o noso compromiso internacionalista, antimilitarista e antiimperialista dicimos NON Á GUERRA!