Por un modelo de turismo respectuoso co noso

Nos últimos días comprobamos como a cidade de Compostela, foi “tomada” por peregrinacións masivas, caóticas e non ordenadas. Unha situación que impide o correcto desenvolvemento das nosas vidas e que previsibelmente seguirá aumentando ao longo desta semana, co consecuente impacto sobre a vida diaria das galegas e dos galegos.

Esta situación, a pesar de que poida parecer puntual, non é mais que un momento álxido dunha tendencia e realidade premeditada: a dun modelo turístico impulsado pola Xunta do PP que concibe Galiza como parque temático ao servizo exclusivo das visitantes e no que a poboación local padece graves alteracións nas súas dinámicas sociais.

Trátase pois dun problema nacional que afronta o noso país, onde de forma deliberada se promove un turismo – que aínda que de fachada máis amábel – é depredador de calquera outra forma de economía e sustento. Este modelo condiciona, e moito, a nosa realidade económica e social.

Por un lado, a parte máis tanxíbel de envorcar a nosa realidade ao turismo vívese no día a día dun importante número de mozas galegas. Encarécese o acceso a unha vivenda, impedindo na práctica o exercicio deste dereito para a mocidade, o traballo temporalízase e precarízase, e a normalidade nas nosas vidas deixa de existir. Soben brutalmente os prezos de todo tipo de bens e artigos, tamén os básicos, por enriba dunha taxa de inflación xa insoportábel. A saída de futuro que temos é sempre baixo un mesmo enfoque: sector servizos e turismo, xa sexa en Resort, ou Albergue.

O espazo público deixa de pertencer ás persoas que nel habitamos. Atopamos as nosas rúas, os camiños, os comercios – aqueles que aínda sobreviven e non son tendas de souvenirs – as prazas, lugares e demais colapsados. Centos de persoas deteñen a nosa vida, coreando e exibindo simboloxía españolista e relixiosa, como se dunha invasión se tratase: con vivas a España e a Cristo.

O choque frontal desta pasividade, e incluso promoción por parte das institucións, é vergoñento. Non sucede o mesmo coas mobilizacións sociais reclamando dereitos ou mudanzas, onde o control, criminalización, trabas e presenza policial é desmesurado.

O nexo de todo este problema é un mesmo. A economía depredadora, a falta de oportunidades, a deliberada morte da diversidade e riqueza de sectores socioeconómicos que nos obriga a ser parte do decorado do Camiño de Santiago. De igual forma que sucede en partes mais costeiras, e somos capaces de identificar claramente que non se trata dun modelo beneficioso, sustentábel ou social, cómpre sinalalo agora.

As potencialidades do noso país deben ser un punto forte para lograr utilizalas na construción dunha sociedade máis xusta, non para enriquecer un sector específico e precarizando o resto da vida. É necesario crear alternativas, nun momento no que se evidencia que as consecuencias deste modelo poden ser irreversíbeis.

Desde Galiza Nova non cesaremos na reivindicación dunha Galiza con futuro, que sexa quen de garantir unha vida digna para todas as galegas e galegos. Precisamos máis que nunca un goberno que aposte realmente polo noso país e as maiorías socias, polos sectores estratéxicos, pola diversificación da economía e pola xeración de riqueza e valor engadido desde unha perspectiva social. E é aqui, onde o modelo de país do PPdeG, confronta radicalmente coa posibilidade de acadar ese futuro mellor que todas merecemos.