En pleno ano 2022, no que xa a sociedade avanza (ou iso se supón), seguen imperando anacronismos que son complicados de explicar. As celebracións do Día do Pai (19 de marzo) e do Día da Nai (primeiro domingo de maio) seguen vixentes sen ter un argumento para sustentala máis aló do “sempre se fixo así”.
Nun momento no que o modelo tradicional de familia é cada vez menos imperante, esta celebración queda obsoleta, non só porque as familias son diversas senón porque a perpetuación destas celebracións seguen a impoñer un modelo heteropatriarcal e misóxino, cuxo máximo expoñente é que o fin último dunha muller é a maternidade. Ser nai é unha elección e ninguén pode impoñer connotacións negativas senón se quere ser.
Parece que non somos conscientes cando se achegan estas “famosas” datas, de que estes días son discriminatorios e quen máis os sufren son as crianzas. Crianzas de familias que non son tradicionais teñen que ver como non encaixan nestas celebracións e condeámolas a sufrir esta exclusión.
Nos centros educativos cando se celebran o Día do Pai ou o Día da Nai, exclúense o resto de familias diversas existentes na sociedade. A celebración duns días pensados exclusivamente para familias tradicionais de nai, pai e crianzas, provoca discriminacións e exclusións cara moitas nenas e as súas familias. As familias monoparentais, ao igual que as familias homoparentais, están sendo ignoradas completamente nestas celebracións, ademais doutros tipos de familias como as familias de acollida ou cando falta un ou os dous proxenitores e as crianzas son coidadas por avoas ou outros parentes.
Se afondamos nos últimos datos do IGE sobre a composición dos fogares na Galiza, podemos observar como dun total de 1.068.754, só o 30,27% corresponden a un fogar composto por unha parella e fillas (sen especificar o tipo de parella).
O restante 69,73% corresponden a fogares unipersoais, dunha parella sen fillas, monoparentais, sen núcleo, cun núcleo e outros ou con varios núcleos. Polo tanto, podemos observar que as familias son diversas e que para que exista equidade temos que superar dunha vez a celebración do Día do Pai e da Nai (non son representativos) polo Día das Familias (15 de maio), o cal si que sería inclusivo.
A ninguén se lle escapa que o capitalismo se apodera de toda celebración e pasan de ser accións voluntarias a unha necesidade de cumprir e dar o agasallo top da campaña para non ser menos que o resto. E coma se iso non fora suficiente, o emprego tóxico das redes sociais lévanos a observar coma o “aparentar” é o máis importante, nada malo pode pasar se o Día da Nai presumes da túa nai e lle agasallas un ramo de rosas.
Desde Galiza Nova rexeitamos a reprodución destas datas como símbolo dun capitalismo baseado nun modelo de familia tradicional que nos discrimina. Confrontamos o papel das mulleres na conceptualización de familia, reducíndose este á maternidade e os coidados. As mozas galegas rachamos cos días do Pai e da Nai e reclamamos unha data máis inclusiva que recolla a diversidade existente, por iso defendemos o Día das Familias, onde encaixamos todas.